Thursday 02 de May de 2024

O PP négase a pedirlle á Xunta que invista en mellorar o subministro de auga potable os 600.000 euros que recadou en Ordes dende 2013 polo canon da auga


Begoña Rodríguez Rumbo acusa ao PP de contradecir o seu voto no Concello de Ordes, que en 2015 aprobou por unanimidade pedir a reparación dos depósitos que abastecen á Vila de Ordes

A responsable de Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista para pedirlle ao Goberno galego que invista os 600.000 euros que ten recadado en Ordes dende 2013 polo canon da auga para mellorar a auga potable. Así o dixo no debate dunha Proposición non de Lei do Grupo Socialista hoxe en Comisión parlamentaria.

A responsable socialista advertiu que o Goberno galego ten recadado, de acordo cos datos oficiais, un total de 341.000 euros en concepto de canon de augas no Concello de Ordes entre 2013 e 2015, co que nos anos 2016 e 2017 a recadación ascendeu a un mínimo de 115.000 euros máis como mínimo. Lembrou que a propia Lei de Augas establece que a recadación ten que ser investida en obras de saneamento e abastecemento dos concellos.

Rodríguez Rumbo amosou a súa sorpresa polo argumento do PP, que hoxe bloqueou esta proposta aludindo a que se trata dunha competencia municipal, logo de que en 2015 apoiaran no Concello unha moción para demandarlle as obras ao goberno galego. Sinalou que a mellora da Estación de Tratamento de Auga Potable resulta “de absoluta necesidade” para un concello con máis de 12.000 habitantes e sen o orzamento suficiente para facer a obra.

A deputada socialista lamentou que este veto si que sexa sen embargo coherente co seu voto en contra a tódalas emendas socialistas aos orzamentos da Xunta para incluír esta obra dirixida a afrontar unha “necesidade urxente”. Os socialistas reclamaran hoxe que a Xunta acometera a mellora da ETAP de ordes e a rede de abastecemento municipal, demoler a segunda liña de tratamento de auga potable e construír unha nova, realizar o mantemento do edificio de control e mellorar a rede de abastecemento dun Concello que ten hoxe uns depósitos de auga de case 50 anos.